Saturday 18 de May de 2024

O Maio das Letras Galegas achégalle unha ampla oferta cultural á Pobra


O mes de maio é sinónimo de cultura con motivo do Día das Letras Galegas, que homenaxea a Francisco Fernández del Riego neste 2023. O Concello da Pobra do Caramiñal deseña así unha programación que vai máis alá do propio día 17 para lle render tributo a un intelectual que, nas palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “destacou pola súa produción literaria, artigos de opinión en numerosas cabeceiras e o seu papel no ámbito editorial”, ademais de que con esta data se busca “pór en valor a nosa lingua, as nosas letras, a nosa identidade.” Acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, a edil presenta unha axenda pensada especialmente nas novas xeracións e na cal tamén o tecido asociativo asume un rol significativo.

As actividades arrancan no día 11 con dúas propostas cun forte carácter pictórico e literario. Ás 11.00 horas abrirá as súas portas na casa da cultura Raquel Fernández Soler a exposición Que grandes as nosas cadrechiñas e cadrechiños! Homenaxe ós/as ilustradores/as de contos infantís, realizada por alumnado do CEP Pilar Maestú Sierra.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, a acción desprazarase ao Auditorio do Museo Valle-Inclán para a presentación do libro Entre nós, de Emilio Castro e Carmen Fernández.

Na xornada seguinte, día 12, estudantado do CEP Salustiano Rey Eiras acudirá ó Auditorio do Museo Valle-Inclán, ás 10.30 horas, para presencia-la entrega do V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro e a presentación da obra gañadora desta edición: Teño un volcán dentro, de María Canosa.

No día 16 será a quenda do concurso Na procura das Letras Galegas, a cargo de Barafunda Animación e destinada ós colexios da primaria, a partir das 10.00 horas, polas prazas e rúas.

E a biblioteca municipal Victoriano García Martí acollerá nesa mesma xornada, das 18.00 horas en diante, a acción Xogando a reciclar, da man de Fanny Medio Ambiente.

Para o propio 17 de maio resérvase un dos pratos fortes: “Ronsel de verbena”. Dende as 11.00 deica as 14.00 horas, as prazas do núcleo urbano converteranse nun punto de encontro coa cultura: haberá un percorrido guiado, escenas costumistas, música, bailes, cantos e desfile de traxes tradicionais. Todo isto grazas á implicación de Caramiñas, Eiradela, Arrancadeira, Xiada, Ruadiña e Museo Valle-Inclán. Os espazos elixidos son o adro da igrexa do Castelo, os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura, a praza Galicia, a praza Victoriano García Martí e a praza do Cantón da Leña.

Arrancadeira impartirá uns obradoiros de maios no día 19. De 18.30 a 19.30 horas ofrecerase un taller teórico na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal, mentres que o práctico se efectuará no Cantón da Leña, en horario de 19.30 a 21.30 horas.

O broche de ouro do programa virá marcado polo festival Bailando ás flores, de Arrancadeira, que tomará as rúas no día 20, a partir das 19.30 horas: praza do Cantón da Leña, praza de Maura, praza de Rosalía de Castro e Xardíns de Valle-Inclán.